12. THE KING OF KONG: A FISTFUL OF QUARTERS (Seth Gordon, 2007)



*Crítica en castellano al final del presente texto (en "mostrar").

Gústanme os videoxogos, pero recoñezo que unha película documental sobre a recreativa clásica de Donkey Kong era algo que non levantaba especial paixón en min. Acheguéime a ela con escepticismo. Porén, cedo descubrín que isto era case que un pretexto pra narrar, a base dunha épica bastante cachonda, a rivalidade entre Steve Wiebe (bondadoso e humilde profesor e pai de familia) e Billy Mitchell (desapiadado empresario): o ben e o mal.

Ámbolos dous protagonistas están unidos na necesidade de obter a meirande puntuación no xogo do macaco; honra que, até a data de filmación do documental, posúe Billy de xeito máis ou menos acomodado. Ese e outros récords mundiais, en diferentes videoxogos clásicos, son atesourados por un Billy Mitchell xa recoñecido tamén por ser a cabeza visible dunha cadea de restaurantes e prebes picantes (éxito colleitado grazas á súa fama coma xogador). É o perfecto triunfador: el personifica como ninguén o ideal capitalista do soño americano, e dende logo o “bo” de Billy non quere apearse de dito estatus (por ter, ten ata unha muller siliconada).


Os anhelos de Steve por conseguir o récord, pola contra, condúcense por outros derroteiros (aínda que finalmente sexan tamén moi yu-es-ei): pra el, que toda a súa vida estivo marcada polo querer e non poder, o lograr a máxima puntuación equivaldría a demostrarse a si mesmo, á súa familia e ao resto do mundo, que non fracasou en todo aquilo que intentou. Pero o melenudo cabelo Pantene de Billy (rasgo físico que acrecenta a súa maldade; non me preguntedes por que), non llo porá doado. E é que o nome que este se foi forxando, a costa dunha deshumanizada ambición (e endiañada perícia aos mandos das respectivas recreativas, todo hai que dicilo), convertérono nalguén que non dubidará en empregar tódalas argucias á súa disposición pra arredar a Wiebe da vitoria.

Seth Gordon afástase con intelixencia do rigor documental e opta por unha manipulación maniquea de bos contra malos (ollo!, que a realidade destes tipos non debe de ser tan diferente a como é contada):

Intentando establecer unha analoxía entre a película que nos ocupa e os spaghetti western (o “a fistful of quarters” -por un puñado de moedas- pretende ser un guiño ao filme de Leone "A fistful of dollars" -por un puñado de dólares), poderíamos dicir que Billy Mitchell é o líder duns bandidos dispostos a morrer por el nun pobo onde a xente vive amedrentada baixo o seu reinado. Mentres, un vello sheriff (Walter Day, árbitro de videoxogos profesional: si, hai árbitros de videoxogos profesionais) xa non é quen de poñer orde. Steve Wiebe, coma Gary Cooper, está só ante o perigo, pero non dubidará en percorrer os centos de quilómetros que hai da súa casa ata Twin Galaxies (feudo de Mitchell) pra demostrar en vivo e directo que é quen de conseguir o récord e gañar o duelo persoal.

É o mesmo, porque esta rivalidade xa non pode ser superada e ficará coma mítica por sempre xamais, pero é de xustiza dicir que anos despois o asiático Hank Chien batería o récord que o propio Steve lle quitara a Mitchell.


CALIFICACIÓN:




CRÍTICA EN CASTELLANO:



 
NOITE NA CIDADE (NOCHE EN LA CIUDAD) ◄Design by Pocket, BlogBulk Blogger Templates