21. LA RIVIÈRE DU HIBOU (Robert Enrico, 1962) [CURTAMETRAXE / CORTOMETRAJE]



CURTAMETRAXE COMPLETA / CORTOMETRAJE COMPLETO:




(SEN DIÁLOGOS / SIN DIÁLOGOS)


*Crítica en castellano al final del presente texto (en "mostrar").

Fíxenme, vai non tanto, cun libriño chamado Un habitante de Carcosa e outros relatos de terror, de Ambrose Bierce. Había especialmente, inda que remataron por gustarme moito a meirande parte deles, dous destes relatiños nos que estaba interesado por cuestións relacionadas coas imaxes en movemento: o propio Un habitante de Carcosa, que, xunto con outras referencias, inspirou a primeira tempada da serie True Detective (2014); e Un suceso na ponte sobre o río Owl, que deu pé a esta curtametraxe que hoxe protagoniza estoutra entrada, e que tivera xa o pracer de ver sen ter lido o escrito polo norteamericano.

A curtametraxe, practicamente carente de diálogo, outórgalle á forza das imaxes, e a do son ambiente, toda a responsabilidade dramática.

Vertebrada por un, diría que, marcado carácter naturalista, vén funcionar case coma un canto á vida. Algo apreciable, por exemplo, após o reo emerxa das augas tras loitar contra a morte, deténdose a ollar todo o que o rodea: as flores e o seu arrecendo, os pequenos bechos, o chío dos paxaros, as árbores, o río... A vida! Esa que, malia a tolemia dos homes e as súas guerras, continúa aí pra ser desfrutada; esa mesma que as veces esquecemos valorar coma o regalo que é, e que, dado o conmovedor fin que ten esta historia, debera servir coma reflexión pra aqueles que aínda conservamos dito tesouro.


Intentando marcar certas diferenzas, porque dalgún xeito tiña que plantexar esta crítica pra que resultara medianamente orixinal, diría que o relato de Bierce, á marxe de ser estupendo, contextualiza moito máis o espazo-tempo, a través de datos concretos, cá curtametraxe. O resultado nesta última dá un conxunto máis estrictamente lírico e atemporal. Inda que, sen dúbida, menos interesante ou rico dende o punto de vista do terror do propio conflito que foi a guerra de secesión entre norte e sur estadounidenses.

Algúns datos que están no relato mais non no filme:

- Estabelécese Alabama do Norte como a ubicación exacta.

- O reo é Peyton Farquhar. En verbas do propio Bierce: "colono dunha respectable familia de Alabama. Secesionista entregado á causa sudista e propietario de escravos".

- Sabemos que Farquhar, e a súa muller, conversan no porche da súa casa cun soldado confederado antes do presente relatado. Falan sobre as obras de reparación que nas vías do ferrocarril os ianquis están a levar a cabo na súa avanzada.

Farquhar deixa caer que estaría disposto a sabotear a ponte. O soldado marcha. Mais ao caer a noite volve tralos seus propios pasos. Era en realidade un explorador ianqui intentado atraer a Farquhar a unha trampa. 

- A ponte  do aforcamento ubícase a unhas trinta millas da casa de Farquhar.


A única referencia explícita que comparten curta e relato é a da orde escrita (no filme amósase xusto ao comezo) pola que calquera civil que se opoña ou entorpeza o avance dos nordistas polas vías do tren será aforcado sen previo aviso. Algo, ben é certo, que abonda pra poñer en antecedentes ao espectador respecto dese espazo tempo, e pra sacar certas conclusións. Porén, o maior ou menor número de ditas referencias, do interese por querer afondar nas mesmas, vai determinando o carácter e a orientación que, de xeito máis ou menos acusado, posúe cada obra.

Digamos que Enrico, malia uns primeiros minutos dunha calculada e fría posta en escena (semellantes aos do relato), decide darlle case todo o protagonismo á natureza, á parte onírica, fermosa e tráxica da historia; e Bierce, alén de facer o anterior magnificamente, reparte o protagonismo coa vertente máis enfocada no conflito pra construir, e non o digo eu, unha das olladas máis interesantes sobre a cruenta guerra civil do país das barras e estrelas. Non en balde Bierce tiña a vantaxe de ter participado activamente no conflito polo bando nordista como pra falar con coñecemento de causa sobre o tema.

Voltando á reflexión sobre o valorármonos a vida: é curioso ollar como, nesta fantasía do reo mentres realmente está a morrer, aquilo no que pensa, un teórico patriota entregado como Farquhar, non é nos seus ideais, nin en gañar guerras, nin noutro tipo de consideracións semellantes. Senón que os seus pensamentos máis importantes, aquilo que de verdade anhela, ten que ver con vida, con amor... Aquel que sinte pola súa muller, a súa filla e a súa propia vida.

Se algo tería trocado da curta, sería o final. Coido que o lirismo pretendido por Enrico se vería potenciado se, sinxelamente, todo rematara con ese bucle no que o protagonista se reencontra coa súa muller, a piques de tocala pero sen facelo.

Quédome co relato de Bierce, mais a curtametraxe é notable.

 Desfrutádea!

CALIFICACIÓN:



CRÍTICA EN CASTELLANO:


 
NOITE NA CIDADE (NOCHE EN LA CIUDAD) ◄Design by Pocket, BlogBulk Blogger Templates